Homenaxe ao médico pioneiro na defensa do
idioma galego
A viúva de Beiras
agradeceu o acto que organizou a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio de
Médicos de Pontevedra
O médico oftalmólogo, investigador e galleguista Antón Beiras (Santiago
1916-Vigo 1968) conta dende onte cunha placa conmemorativa en Policarpo Sanz
22, o edificio no que tivo a súa consulta.
A viúva de Antón
Beiras y pedagoga, Antía Cal, nun auditorio cheo.
A súa viúva, a pedagoga
Antía Cal, agradeceu o xesto á Irmandade dá Sanidade Galega e ao Colexio
Oficial de Médicos de Pontevedra, que decidiron recuperar a figura de Antón
Beiras pola súa contribución á ciencia médica e sobre todo pola súa defensa do
idioma e a identidade galega durante os difíciles anos do franquismo. A
homenaxe, chea de recordos e anécdotas, encheu o salón de actos do Centro
Social. Había moitos familiares, entre eles o seu fillo Antón ou o político
Xosé Manuel Beiras en calidade de sobriño, pero tamén estaba o secretario xeral
de Política Lingüística, Valentín García, o fiscal superior de Galicia, Carlos
Varela, o decano dos avogados de Vigo, Alfonso Álvarez Gándara, Víctor Moro,
María Xosé Queizan, Xosé González, Carlos Núñez, membros da Asociación de
Funcionarios para a Normalización Lingüística, médicos e profesores da
Universidade de Vigo. Entre estes últimos, o enxeñeiro Xulio Fernández Hermida
que xunto con Esteban López Figueroa traballan para poñer ao día o Vigoscopio
un invento de Antón Beiras para tratar o estrabismo.
A FIGURA DO MÉDICO
Valentín García dixo que Beiras marcara un fito na historia contemporánea da
lingua e que 'anos despois da súa desaparición aínda estamos traballando para
que o galego estea máis presente na xustiza, na sanidade e na investigación'.
Pablo Vaamonde dixo en nome da Irmandade da Sanidade Galega que o uso do galego
pode ter efectos terapéuticos para moitos pacientes e que mellora a saúde do
idioma porque as profesións sanitarias aínda teñen prestixio social.
O presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Luis Campos, destacou o
humanismo de Beiras e a súa faceta como médico e investigador que logro avances
no tratamento do estrabismo. Tamén defendeu que os médicos dominen o idioma
para entender aos pacientes que din ter 'o bormo' (unha patologia bronquial).
O historiador Ricardo Gurriaran lembrou ou brillante expediente académico (20
sobresaíntes e 10 matrículas). Amaia Pérez Izaguirre contou que o seu pai se
casou co chaqué de Beiras (el e outros cinco máis replicou Antía Cal), mentres
Alonso Montero dixo que Beiras proclamara a oficialidade do galego na súa casa
e que o usaba no seu traballo. Xosé Manuel Beiras remontouse a imaxes da súa
infancia cando o seu tío diseccionaba o ollo dun ollomol na cociña dos seus
pais, e dixo que fora un referente para el porque 'o tío Tucho' foi unha persoa
que levou á práctica, á súa vida cotiá, as súas ideas e valores de esquerda.
O seu fillo Antón dixo que foi unha persoa con sentido do humor, un visionario
e que era sempre positivo. Según dixo, se vivise agora 'nesta volta atrás no
Estado de Benestar, nestes tempos escuros nos que nos dirixe unha clase
política composta por inútiles, golfos, rufiáns, desvergonzados, chourizos,
indecentes, diríanos: facede un esforzo máis, pagade os vosos impostos e
asinade un contrato en nome dos mais cativos'. O acto rematou coa
interpretación do himno galego do gaiteiro Carlos Peixoto e que cantaron os
asistentes.