Un 'contra NODO' descuberto en Vigo
Recuperan na casa dos
Beiras Cal unha cinta que documenta o galeguismo nos anos 50
Filmacións inéditas que
datan de comezos dos anos 50 e que amosan a intelectualidade
galeguista, con Otero Pedrayo, Cabanillas, Illa Couto e Francisco Fernández del
Riego nas cidades de Vigo, Pontevedra ou Compostela en diversos
actos culturais, acaban de ser salvadas do esquecemento e do mofo do tempo no
documental "Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada".
Trátase dun documento histórico filmado en 1951 e 1952 e
procedente dos arquivos da familia Beiras Cal que foi recuperado do
esquecemento por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora "Atlantis
Multimedia".
Este documento fílmico supón unha especie de 'contra NODO' destinado á cultura
galega no exilio, que fora gravado polo intelectual galeguista Antón Beiras.
O museo MARCO
de Vigo acolle desde onte a súa proxección,
que dura 37 minutos, de forma continuada nunha das salas da planta baixa ata o
15 de setembro. A emotiva presentación estivo acompañada dunha visión comentada
polo historiador Xurxo Martínez González.
No ano 2016, o director e
produtor do proxecto -e xenro de Antía Cal e Antón Beiras-, Miguel Piñeiro,
atopou no arquivo da familia Beiras Cal unha película nun estado moi
deteriorado e da que se descoñecía o seu contido. Tras varias consultas con
laboratorios especializados de Madrid, Lisboa e California, descártase a
posibilidade da súa recuperación por atoparse o material "cuarteado"
e "avinagrado" -o que impedía calquera proceso automático de
escaneado- ou ben polo elevado custo do proceso, dado o estado da película e as
escasas garantías de éxito. Nestas circunstancias, só quedaba
renunciar, ou intentar unha recuperación cos medios que a produtora tiña ao seu
alcance.
Fotograma de Otero Pedrayo, Antía Cal,
Evelina (muller de Del Riego), Moraima (muller de Celso Emilio) e outros. Á
esquerda, Gómez Román.
O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto vigués Manuel Gómez
Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega (RAG),
xunto a outras gravacións históricas. "Son a mostra de que Antón Beiras
seguía embarcado en 1951 na súa empresa de crear un arquivo documental do que
acontecía en Galicia ao modo do que o
NODO era para a España daquela época e consciente de que unha parte importante
da nosa historia non quedaría rexistrada por non ser de interese para a
oficialidade do momento", explica Miguel Piñeiro.
O proceso de recuperación do material foi custosísimo, como dan
idea os 16.589 fotogramas individuais e 118 tomas secuenciais que
permitiron, oito meses despois de duro traballo de
dixitalización, sacar á luz a película, que xa se daba por perdida. Iso si, non
defraudou as expectativas, indican.
Entre o material histórico máis destacado que inclúe o documental está unha
homenaxe a Perfecto Feijóo en Pontevedra coa participación de
representantes do Centro Galego en Bos Aires e a colocación dunha
placa. No acto participou, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, que foi o
encargado de glosar a figura de Feijóo e a súa achega ao desenvolvemento
musical de Galicia. Rexístrase a actuación do Coro Aires da Terra, fundado por
el.
Tamén aparecen actos da RAG na Coruña en recordo de Curros Enríquez e
Emilia Pardo Bazán coa colocación dunha placa nos monumentos dos dous
escritores e rexístrase filmicamente unha xuntanza -tamén na RAG- na
que participan, entre outros, Francisco Fernández del Riego, Casás, Calzado,
Paulino Pedret... O documental tamén rescata a actuación da Sociedad Coral
Polifónica de Pontevedra dirixida por Antonio Iglesias Vilarelle e o seu
ingreso na Academia. Queda reflectida unha intervención de Filgueira Valverde e
a imposición da medalla da Academia por Manuel Casás.
A parte máis sustanciosa da
gravación ocúpaa unha peza documental sobre o arquitecto vigués Manuel Gómez
Román, a quen podemos ver
traballando no seu estudio, cos canteiros nas obras, percorrendo a cidade a pé
e en tranvía, ou asistindo á colocación do ramo nalgunha das súas obras. Tamén se amosa o seu ingreso na RAG e
hai imaxes da contestación de Ramón Otero Pedrayo.
Inclúese unha visita á editorial Galaxia, onde o
arquitecto é recibido por, entre outros, Otero Pedrayo, Cabanillas, Gómez
Román, Illa Couto, Francisco del Riego, e ao tempo preséntanse as publicacións
que a editorial leva xa feitas. Por último, recóllese un xantar de homenaxe aos
membros do Centro Galego, con Valentín Paz Andrade e Martínez Risco que remata
ao son das gaitas.
Podes ver aquí "Rescatada. 68 anos agardando a
memoria filmada":